XERAIS
Booktrailers E-books Novidades Descargas
 
1984, o nacemento, "Crime en Compostela"

Da man de Luís Mariño, daquela director de Edicións Xerais de Galicia, creouse no ano 1984 o premio Xerais de novela galega que ofrecía a singularidade (a diferencia do premio de referencia daquela, o Blanco Amor) de non esixir nas súas bases unha extensión prefixada para as obras que se presentaban ó concurso; sendo esta a primeira ocasión na que unha editorial acometía en Galicia empresa semellante. Queríase emular no noso sistema editorial, en formación, o modelo normalizado dos grandes premios literarios como o Planeta ou o Goncourt, convocados por empresas editoriais privadas. Dotado con 500.000 pesetas, foi fallado na cidade de Vigo o 10 de novembro -sábado anterior á festa de san Martiño- cita que se convertiu en habitual durante as primeiras quince edicións, no seo dunha cea á que asistiron 250 persoas de diversos ámbitos da cultura, da administración e da sociedade civil do país.

Das vintenove obras participantes naquela primeira edición, o xurado outorgou o premio á presentada baixo o lema "Lagoa azul e branca", unha novela de xénero policial que logo aparecería co título Crime en Compostela, da que resultou ser autor, o xornalista e delegado da axencia EFE en  Santiago, Carlos G. Reigosa. Crime en Compostela converteuse na década dos oitenta nun auténtico best seller da novela galega e deu pé a unha serie, polo momento de catro obras, protagonizada polo detective Nivardo Castro, que Reigosa titulou O misterio do barco perdido (1989),  A guerra do tabaco (1996) e Narcos (2001).

Dotación e bases

O Premio Xerais de novela ao longo da súa historia foi aumentando a súa dotación económica, dende a inicial (medio millón de pesetas) até a actual (25.000 euros), que conta co apoio de Ámbito Cultural.

O xurado está composto por cinco membros, escolleitos pola editorial entre lectores e lectoras, que deberán outorgar o premio por maioría de votos. Se así o estiman, poderán declarar o premio deserto.

As bases establecen que poderán concorrer ao certame todos aqueles autores /as de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega, conforme á normativa vixente e sen limitación ningunha de extensión. En todo caso, os textos presentados han ser inéditos e totalmente orixinais, non podendo ter sido comunicados, nin na súa totalidade nin por partes, por ningún tipo de procedemento.

Todos os Xerais

As bases da edición deste ano poden baixarse premendo aquí (documento pdf).